'Os crononautas' da TVG percorren esta noite a historia marítima de Galicia - CSAG
'Os crononautas' da TVG percorren esta noite a historia marítima de Galicia
Ao longo da viaxe, os espectadores presenciarán, entre outros momentos, a chegada da Pinta a Baiona, a partida da Armada Invencible desde o porto da Coruña, a batalla de Rande e a chegada de Jules Verne á ría de Vigo

Santiago, 29.10.2026.- Trisha Fernández e David Vilares, ‘Os Crononautas’ da TVG, percorrerán este xoves (22:50 h) diferentes momentos da historia marítima de Galicia para descubrir a relación do país co océano. Ao longo da viaxe, presenciarán a chegada da Pinta a Baiona, a partida da Armada Invencible desde o porto da Coruña, a batalla de Rande e a chegada de Jules Verne á ría de Vigo, catro acontecementos que forman parte da memoria marítima galega.
Galicia non se entende sen o mar. Non é só paisaxe, son 2.500 quilómetros de historia viva. O mar foi camiño, sustento e tamén fronteira. O mar deu de comer, pero tamén trouxo perigos, enfermidades e historias que cambiaron o rumbo da nosa propia historia.
Da man de ‘Os Crononautas’, os espectadores descubrirán hoxe como os naufraxios alimentaban pobos enteiros, como desde aquí partiron expedicións que querían dominar o mundo das especias e a lenda dun tesouro que leva tres séculos agochado no fondo das nosas rías. Ademais, poderán seguir as pegadas dos nazis nas costas galegas e aprender a construír barcos como hai 500 anos.
