'Octavio e outros animaliños' abre as portas de Montegatto e percorre Galicia na procura de novas historias animais - CSAG
'Octavio e outros animaliños' abre as portas de Montegatto e percorre Galicia na procura de novas historias animais
O coñecido educador canino estrea esta noite na TVG un programa en que descobre o mundo animal desde a súa propia casa e a través de historias sorprendentes de dúas e catro patas

Santiago, 19.11.2026.- Televisión de Galicia estrea este xoves ‘Octavio e outros animaliños’ (22:45 h), un novo espazo en que o coñecido educador canino Octavio Villazala abre as portas da súa casa, en Montegatto, para compartir cos espectadores os segredos do seu traballo e achegar o fascinante mundo dos animais. Ao longo do programa, percorrerá diferentes puntos de Galicia para coñecer novas historias, descubrir curiosidades e facer amigos de dúas e catro patas.
O primeiro programa, titulado ‘A familia’, comeza cunha celebración moi especial, xa que Octavio organiza un gran xantar para festexar a estrea do seu novo espazo. Pero a xornada dará para moito máis. O protagonista axudará a Yuki, unha cadela moi desconfiada, a superar os seus medos; visitará en Betanzos unha explotación de galiñas piñeiras, e coñecerá unha cadela que practica artes marciais. A viaxe continuará en Friol, onde terá a oportunidade de presenciar o parto dunha vaca, e na Arca, na Coruña, onde asistirá a unha castración.
Con máis de 35 anos de experiencia no ámbito da educación e o comportamento animal, Octavio Villazala é propietario do centro canino Montegatto, en Oza-Cesuras (A Coruña). Pioneiro no adestramento e na educación canina e felina, a súa ampla traxectoria converteuno nun rostro habitual dos medios públicos galegos, nos que leva anos divulgando e compartindo os seus coñecementos sobre o mundo animal.
