'O Día da Romaría' achégase este luns a Padrón para vivir o Santiaguiño do Monte - CSAG
'O Día da Romaría' achégase este luns a Padrón para vivir o Santiaguiño do Monte
Esta nova entrega do programa (22:50 h) adéntrase nunha das grandes celebracións do país para vivir desde dentro a tradición, a devoción e a troula que envolve o que din é o santo máis parrandeiro de toda Galicia

Santiago, 27.07.2026.- A Televisión de Galicia ofrece este luns unha nova entrega do espazo ‘O Día da Romaría’, que nesta ocasión fará parada en Padrón para descubrir unha das súas celebracións máis queridas: o Santiaguiño do Monte. O programa adentrarase nunha das grandes celebracións do país para vivir desde dentro a tradición, a devoción e a troula que envolve o que din que é o santo máis parrandeiro de toda Galicia.
A viaxe comezará xornadas antes da romaría para coñecer como Padrón se prepara para recibir un dos momentos máis agardados do ano. ‘O Día da Romaría’ mergullarase no ambiente festivo que se forma nas rúas da vila e será un participante máis das múltiples actividades que se organizan.
O Festival Ultreia, que este ano festexa a súa terceira edición con artistas como Kid Mount, Mondra ou XMaseda65, entre outros, a actuación da orquestra Los Satélites ou a animación pensada para os máis cativos de Uxía Lambona, garantirá a troula e converterá esta festividade nun punto de encontro para todas as xeracións.
Ademais, a gastronomía volverá ser outro dos grandes sinais de identidade da romaría. O programa degustará os afamados pementos de Padrón, un produto inseparable da vila, e descubrirá algunhas das curiosidades que rodean este cultivo tan representativo da comarca. O programa acudirá tamén a un dos actos máis singulares e divertidos da festa: o ‘gran derbi asnal’, organizado pola ABUFA (Asociación do Burro Fariñeiro), e que edición tras edición reúne centos de seguidores pola zona vella de Padrón.
Novamente, a memoria volverá ter un espazo destacado coa sección ‘Cápsula do tempo’, que rescata antigas fotografías do Santiaguiño do Monte para darlles vida grazas á animación dixital con IA e ao relato dos veciños, que compartirán as súas lembranzas arredor desta romaría.
Finalmente, o día grande da romaría, o programa percorrerá xunto cos romeiros, paso a paso, a tradicional procesión que sobe ao monte. Entre cánticos, reencontros e mostras de devoción, os espectadores vivirán tamén un dos momentos máis emotivos da xornada ata chegar á ermida de Santiaguiño do Monte, onde a fe e a tradición volverán ser as grandes protagonistas na misa en honor ao beato.
Tras os actos relixiosos, chegará o momento de compartir mesa. O espazo da TVG acompañará os asistentes á tradicional sardiñada e ao xantar popular, que reúne centos de veciños e visitantes arredor da gastronomía, da música e da convivencia.