'Luar' contará esta noite coas actuacións de Sylvia Pantoja e dos artistas emerxentes galegos Mk Maik e Lg1do - CSAG
'Luar' contará esta noite coas actuacións de Sylvia Pantoja e dos artistas emerxentes galegos Mk Maik e Lg1do
Tamén pasarán polo escenario Nando Llon, a orquestra Magos e o grupo de pandeireteiras As Miñeiras

Santiago, 22.05.2026.- O programa ‘Luar’ (21:40 h) contará hoxe coa presenza da cantante Sylvia Pantoja, pertencente a unha importante saga familiar de cantadores, músicos e bailadores e que se introduciu no mundo do espectáculo sendo aínda unha adolescente, da man do seu primo Chiquetete. Coa súa proposta musical, a artista sostén a esencia máis pura e emocional da copla andaluza.
O espazo da TVG tamén recibirá a visita de dous artistas emerxentes galegos. Un deles é o vilagarcián Mk Maik, alter ego de Jesús Güimil, que está a vivir un dos momentos máis intensos da súa curta e meteórica carreira, e triunfa co seu proxecto musical de pop urbano. O que comezou case por casualidade, compartindo vídeos cantando na súa casa, transformouse nunha prometedora traxectoria musical que o levou a sonar en radios, aparecer en prensa e televisión e actuar ante milleiros de persoas.
O outro é o cantante de música urbana, trap e reguetón Saúl Rodríguez, coñecido como Lg1do. Con só 18 anos e apenas tres cancións publicadas en galego, logrou captar a atención da escena musical actual, demostrando que o noso idioma tamén pode triunfar fóra da comunidade e evidenciando o bo momento que está a vivir a música en galego. En plena exploración de sons, este artista achega unha proposta fresca e moi próxima ao seu público.
Ademais, este venres estará no escenario de ‘Luar’ Nando Llon, que, a maiores de colaborar con varias orquestras, desenvolve a súa carreira en solitario e que hoxe cantará a dúo con Mamatopa e con María Mera. A orquestra Magos e o grupo de pandeireteiras As Miñeiras, de Salvaterra de Miño, completan as actuacións musicais desta noite.
O humor virá da man de Rosita, personaxe interpretado por Patricia Vázquez, e de Carla e Marcos, de Todo Mal. Tamén está convidado ao programa desta noite o aizkolari (cortador de troncos) Ernesto Ezpeleta, que cortará cun machado un coche á metade en tempo récord.
No tempo de ‘Recantos’, a punto de finalizar a quinta fase do concurso, hoxe competirán Cris, procedente de Lugo Sur, e Montse, representante da comarca Xallas-A Barcala.