'Luar' celebra este venres a gran final de 'Recantos', con Lamatumbá, Miguel Costas e Belém Tajes como artistas convidados - CSAG
'Luar' celebra este venres a gran final de 'Recantos', con Lamatumbá, Miguel Costas e Belém Tajes como artistas convidados
Os finalistas do certame, Lamar e Lu Pérez, competirán pola vitoria con dúas grandes cancións, nunha noite con moita música e humor (21:45 h)

Santiago, 17.07.2026.- ‘Luar’ ofrece hoxe unha noite para lembrar coa gran final da 16ª edición de ‘Recantos’, o popular certame de novos talentos musicais da TVG. Os finalistas, Lamar, representante de Noia-Barbanza, e Lu Pérez, da comarca da Arousa, competirán polo título interpretando dous temazos: ‘Granada’ e ‘Miña terra galega’. O premio para o gañador será de 5.000 €, mentres que o que quede no segundo posto terá un cheque de 2.000 €. O xurado, formado por Nuria Lorenzo, Boris Izaguirre e Manuel DeAndrade, terá hoxe a difícil tarefa de decidir o gañador.
Os membros do xurado tamén ofrecerán actuacións individuais nun espazo que contará, entre o seu elenco de convidados, co grupo musical Lamatumbá, creado en Ourense a finais dos anos 90 e cuxo son se caracteriza pola mestura de diferentes estilos, que abarcan cumbia, reggae, ska, pasodobre, rock e folk, entre outros. Lamatumbá é un dos grandes renovadores da música galega. As súas xiras con grandes da música mundial e himnos como ‘Licor café’ convertéronos nunha das bandas máis populares de Galicia e nun referente do son festeiro e verbeneiro.
O programa da TVG tamén contará este venres coa presenza doutro histórico da música galega: o compositor, guitarrista e vocalista Miguel Costas. Foi o membro fundador e exvocalista e guitarrista de Siniestro Total, Aerolíneas Federales e Los Feliz, bandas coas que gravou un total de 22 álbums. Costas escribiu máis de 300 cancións e colaborou con infinidade de bandas e artistas de todo o mundo. Está nos escenarios desde 1981, de xira por toda España e América Latina.
Ademais, estará no escenario de ‘Luar’ Susana Martínez, cuxo traballo abarca múltiples xéneros como o pop, o soul, a electrónica e a música tradicional galega. Tamén é coñecida pola súa faceta ao piano, explorando o repertorio clásico e ritmos latinos como o bolero e a salsa.
Outra das convidades desta noite é Belém Tajes, unha das voces de referencia da canción de autora en Galicia. A cantante e compositora camariñá comezou a súa traxectoria tocando e cantando en agrupacións tradicionais e aprendendo tamén dos cantares das súas avoas. Tras formar parte de grupos de referencia como Luar na Lubre, Aliboria e Muora e de colaborar con Vetusta Morla, Tajes iniciou o seu proxecto como solista, facendo seus estilos como o pop e a música tradicional galega e latinoamericana.
O cartel musical desta noite tan especial péchase coas actuacións de A Sombra dos Soños e Nazaret Reyes, antigo gañador e semifinalista de ‘Recantos’ o ano pasado; da agrupación O Castro do Miño; da Banda de Gaitas María Soliña e dos gaiteiros Escolas Abertas-Centros Galegos do Mundo, da Secretaría Xeral de Emigración.
O humor virá da man de Patricia Vázquez, co seu papel de Rosita; do ‘chapuzas’ Lalo Penelas, interpretado por Xosé A. Touriñán, e de Carla e Marcos, de 'Todo Mal'.