div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

‘Galicia en goles’ principia a temporada coa volta do Deportivo á Primeira e a estrea do Celta Fortuna na Segunda División

A Radio Galega tamén prestará atención á Copa Federación e a Supercopa

csag.gal 14/08/2026 11:40

Santiago, 14.8.2026.-   O equipo de deportes da Radio Galega e AGalegaAudio.gal teñen preparada unha ampla despregadura polo o regreso do Deportivo á Primeira División. O luns, desde as sete e media da tarde, o ‘Galicia en goles’ contará o primeiro partido da temporada co Elx como visitante. Roberto Carlos Carballo conducirá catro horas e media en directo, ata as doce da noite, con Javi Torres, Fernando Romero de Paz e Xosé Manuel Traba na narración e análise desde o estadio municipal de Riazor.

O conxunto herculino, dirixido por Antonio Hidalgo, ao que lle acaban de renovar o contrato por unha temporada máis, afronta o seu retorno á elite tras un mercado de fichaxes ambicioso, no que destacan a chegada de Pierre-Emerick Aubameyang procedente do Olympique de Marsella, do porteiro Leo Román desde o Real Mallorca, e doutros nomes como Lorenzo Amatucci, Jonathan Asp Jensen, Bright Ede, Teun Gijselhart e a cesión de Angeliño.

O Celta Fortuna debuta na Segunda División

Antes do Deportivo-Elx, a Radio Galega estreará a temporada futbolística con dezaseis horas repartidas na fin de semana, coas edicións informativas ás dúas e cuarto da tarde e desde as cinco coas retransmisións dos principais eventos. O estadio Mirandilla será o principal punto de directo o sábado, coa cobertura ao Cádiz-Celta Fortuna. O equipo dirixido por Fredi Álvarez chega ao debut fiel á súa identidade: aposta pola canteira de A Madroa, con Álvaro Marín, Anxo Rodríguez e Andrés Antañón, aos que se suman novas incorporacións pensadas xa para a categoría, caso de Hugo Cuenca, Alexis Olmedo e Silva. 

Mentres, o Cádiz anunciou o pasado 11 de agosto a saída de Imanol Idiakez, tras varias desavinzas cos responsables deportivos xurdidas ao longo da pretemporada. No seu lugar, Albert Celades asinou por dúas temporadas e asumiu o mando do primeiro equipo de forma inmediata, cunha marxe de apenas catro días para preparar a súa estrea. O cambio de adestrador chega ademais tras un verán irregular, que pechou cunha derrota por 1-3 ante a UD Las Palmas no Trofeo Carranza.

Durante a tarde, o ‘Galicia en goles’ informará dos amigables Verín-U. D. Ourense, Pontevedra-Ourense C. F. e Lugo-Coruxo, a dúas semanas do comezo da competición ligueira na Primeira RFEF.

Supercopa e Copa Federación

Xa o domingo o protagonismo será para a Copa Federación, coa semifinal entre o Antela e o Boiro. Tamén se deciden as semifinais da Supercopa Galicia: Guntín-Negreira e Auriense-Alertanavia. O Negreira semella ter xa a eliminatoria sentenciada, tras golear por 4-0 na ida. Mentres, a eliminatoria de Oira preséntase máis igualada.

A canteira do fútbol galego estará presente desde Santiago de Compostela, coa final da terceira edición do trofeo Unindo Camiños na categoría masculina. Entre os clubs participantes destacan o Deportivo da Coruña, o Celta de Vigo, a Unión Deportiva As Palmas e o Real Oviedo. A próxima fin de semana, a competición terá continuidade coa disputa das eliminatorias femininas.

Por último, a disciplina do fútbol praia tamén soará no ‘Galicia en goles’ coas finais do trofeo que leva o nome do doutor Sánchez Harguindey. Trátase da cita máis tradicional do verán no concello de Sanxenxo, que reúne cada ano a centos de xogadores na praia de Baltar, coincidindo coas festas patronais de San Roque na vila de Portonovo. Ademais dos títulos de campión e subcampión por equipos, o torneo reparte galardóns individuais ao mellor xogador, ao máximo goleador e ao porteiro menos goleado da competición. 
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade