'Expediente oculto' reconstrúe o crime de Soufian Mraha, resolto case cinco anos despois dos feitos - CSAG
'Expediente oculto' reconstrúe o crime de Soufian Mraha, resolto case cinco anos despois dos feitos
O programa analiza o asasinato con arma branca ocorrido en Salceda de Caselas en 2019, ademais de abordar o aumento dos conflitos entre clans familiares en Galicia

Santiago, 5.10.2026.- ‘Expediente oculto’ (22:50 h) reconstrúe este luns o asasinato de Soufian Mraha, que aconteceu durante unha madrugada de festa, no concello pontevedrés de Salceda de Caselas, en 2019, tras ser atacado cunha arma branca á saída dun pub. Un crime polo que a vila enteira se botou á rúa.
Un ano despois do terrible suceso, a Garda Civil solicitou a colaboración cidadá para localizar unha persoa como única sospeitosa. O programa analiza a longa investigación que permitiu resolver o crime case cinco anos despois e aborda tamén os enfrontamentos entre clans familiares, conflitos que en ocasións acaban en violencia.
Previa á reconstrución do crime de Soufian, na mesa de sucesos de ‘Expediente oculto’ analizarase o despunte en Galicia de enfrontamentos e inimizades entre clans. Violencia e vinganza, coas redes sociais como pano de fondo, e disputas familiares, a meirande parte por amoríos, que rematan con finais sanguentos.
Para analizar ambos casos, ‘Expediente oculto’ contará este luns coa participación de Xosé Antonio Vázquez Taín, Elena Villanueva, Berta Rodríguez, Rubén Penín e Antón López como colaboradores.