'Bailamos' recibe este domingo A Roda, LG1DO e María Mera nunha gala de primeiras expulsións marcada pola tensión e a emoción - CSAG
'Bailamos' recibe este domingo A Roda, LG1DO e María Mera nunha gala de primeiras expulsións marcada pola tensión e a emoción
Dúas batallas decisivas, pola permanencia no concurso (22:30 h), enfrontarán a Febres con Juanogy e a Rafine con Martín, mentres que Sara sorprenderá cun ‘Playback’ de Rosalía e Mauro e Brais protagonizarán o número máis quente da temporada

Santiago, 25.10.2026.- Gala de máxima tensión esta noite en ‘Bailamos’ (22:30 h), en que chegarán as primeiras expulsións da temporada. Os concursantes terán que enfrontarse a dúas batallas decisivas: Febres e Juanogy loitarán por continuar ao ritmo de ‘Rocky’, mentres Rafine e Martín se xogarán a súa permanencia con ‘Mi gran noche’, de Rafael. Só dous deles poderán seguir no programa. Quen conseguirá convencer o xurado?
O programa abrirase ao son da tradición galega coa actuación de A Roda, que fará cantar o estudio enteiro cun dos seus grandes clásicos, o ‘Pousa Pousa’. O grupo, que leva 50 anos reivindicando a música popular galega, compartirá escenario con LG1DO, a nova sensación da escena urbana galega. Con só 18 anos, o artista de Santa Comba acaba de presentar o seu primeiro disco, e será o encargado de poñerlle o broche final á noite.
Na competición, Sara afrontará o reto de interpretar a Rosalía no ‘Playback’. A concursante, que ocupa a cuarta posición da clasificación, está orgullosa da súa evolución e non quere perder postos. Como resolverá o desafío de meterse na pel dunha das artistas máis recoñecibles do panorama musical?
Outra das grandes sorpresas será o regreso de María Mera, semifinalista de ‘Bailamos Celebrity’, que bailará con Noelia. As dúas interpretarán ‘Gloria’ nunha actuación en que a actriz volverá demostrar a súa paixón polo baile. Noelia, pola súa parte, quere superar as dificultades que lle supoñen as coreografías en parella.
Pola súa parte, Mauro e Brais protagonizarán o número máis quente da tempada na categoría ‘Sexy’. Os dous terán que deixar atrás as súas inseguridades e sorprender cunha coreografía chea de sensualidade. Tamén bailarán Alejandra e Gisela, que regresará á pista tras recuperarse da súa lesión, cunha coreografía de ‘Verbena’. Álex e Marinés, pola súa parte, afrontarán un número potente co obxectivo de seguir avanzando nunha clasificación cada vez máis axustada. E Alis e Emma viaxarán ata México cunha actuación en que a interpretación e a presenza escénica serán fundamentais.
A noite rematará coas novas puntuacións do xurado e a elección de catro novos concursantes que pasarán á zona de perigo. Ademais, neste programa, as valoracións irán do 3 ao 14, xa que os 1 e os 2 desaparecen das puntuacións. Con todos os concursantes moi igualados, cada punto pode cambiar o rumbo da competición.