'Bailamos' celebra esta semana a súa semifinal coa actuación do grupo Ráfaga e oito concursantes loitando por tres prazas na final - CSAG
'Bailamos' celebra esta semana a súa semifinal coa actuación do grupo Ráfaga e oito concursantes loitando por tres prazas na final
Será unha gala marcada pola emoción, o apoio das familias e o regreso de antigos concursantes

Santiago, 15.11.2026.- A Televisión de Galicia emite este domingo a semifinal de ‘Bailamos’ (22:35 h), unha das noites máis emocionantes da temporada. Os oito concursantes que continúan no programa presentado por Juan Fuentes loitarán por conseguir unha das tres prazas na gran final. Nesta ocasión, cada un deles escolleu a canción coa que quere contar a súa historia sobre o escenario e demostrar que merece chegar ata o último reto.
A gala abrirá coa actuación de Ráfaga, que chega desde A Arxentina para celebrar os seus 30 anos de traxectoria musical con algúns dos seus grandes éxitos, entre eles ‘Mentirosa’. Unha festa para comezar unha noite en que non faltarán as sorpresas nin as emocións.
Alis abrirá as actuacións cunha canción moi persoal e cun apoio moi especial: Ángel Mosquera, concursante da anterior edición, visitará o programa porque ela escolleu un tema seu para esta semifinal. Pola súa parte, Mauro quere demostrar que a falta de formación profesional non significa falta de talento. Chegar ata aquí é xa un soño para el e estará acompañado polos seus pais, que non faltaron a ningunha gala.
Sara, que se sente gañadora polo vivido no concurso, non renuncia a conseguir un posto na final e quere amosar toda a súa forza e sensualidade. Alejandra, pola súa parte, buscará saír da súa zona de confort e deixar que as emocións falen a través do baile. Brais quere transmitir a intensidade coa que vive a danza, mentres Marinés afronta a semifinal co reto de recuperar a confianza en si mesma e volver crer que pode conseguir todo o que se propoña.
Mentres, Noelia apostará pola súa faceta máis sensible e melancólica cunha canción sobre o amor e a importancia de saber deixar ir. Despois dunha auténtica montaña rusa de emocións durante o concurso, Álex quere amosar a súa versión máis segura e enérxica. Os dous contarán co apoio dos seus seres queridos nunha noite decisiva.
E é que as familias e amizades terán un protagonismo especial nesta semifinal, en que os concursantes recibirán a visita das persoas que os acompañaron durante todo o camiño. Mesmo Tania Zapata, integrante do xurado, quixo compartir esta noite coa súa avoa e os seus amigos. Ademais, varios dos bailaríns que xa abandonaron o programa regresarán ao estudio para protagonizar un reencontro sorpresa, de que se tratará?
Ao final da noite chegará o momento decisivo: o xurado terá que decidir quen son os tres concursantes que pasan á gran final. Oito bailaríns, tres prazas e un premio de 10.000 euros nunha noite en que os soños están máis preto ca nunca. Quen conseguirá o pase?