'A Liga dos Cantantes Extraordinarios' dálle hoxe inicio ao 'Mundial das Orquestras', co que se lles renderá homenaxe ás formacións máis emblemáticas da verbena - CSAG
'A Liga dos Cantantes Extraordinarios' dálle hoxe inicio ao 'Mundial das Orquestras', co que se lles renderá homenaxe ás formacións máis emblemáticas da verbena
Os concursantes probarán sorte con temas de Quevedo, Michael Jackson e Mónica Naranjo, entre outros

Santiago, 14.11.2026.- O programa desta semana de ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’ (21:55 h) comezará por todo o alto, cunha potente apertura musical, en que James Llon interpretará ‘Vou vivir da SGAE’, unha divertida versión do mítico ‘Born to be alive’, do cantante francés Patrick Hernández.
Coma sempre, non poden faltar os membros do xurado e os padriños defendendo as súas escuderías: Javier Saavedra (Los Satélites), Diego Barbazán (Olympus), Diego Moreira (Panorama) e Lucía Sanchez (París de Noia).
Pola súa parte, César Romero dará inicio ao ‘Mundial das Orquestras’, onde os padriños se unirán sobre o escenario para renderlles homenaxe ás formacións máis emblemáticas das verbenas cunha selección dos seus grandes éxitos. Nesta primeira entrega, toda a enerxía e o espectáculo levarán o selo da Olympus.
Con respecto aos concursantes, Clara afronta o reto de cantar de primeira o tema ‘Perdonarte, para que?’. O dúo virá da man de Kiowa e Kevin co tema ‘Al Golpito’, de Quevedo e Nueva Línea. O xurado eloxiará a actitude e o descaro dos dous.
Yunier, pola súa parte, interpretará ‘Un beso y una rosa’ e presentará os seus pais galegos, uns amigos que coñeceu actuando nas verbenas e que agora xa son como familia para el. O momento de Avi chegará co tema ‘Heal The World’, de Michael Jackson. Pola súa parte, Fani deslumbrará coa súa versión de ‘Negra sombra’.
Finalmente, Jose probará sorte co seu tema propio ‘Buscar unha estrela’, e Ainara sorprenderá co seu look e a súa interpretación de ‘Desátame’, de Mónica Naranjo.