A Televisión de Galicia retransmite este domingo o Córdoba-Deportivo desde o estadio Arcángel - CSAG
A Televisión de Galicia retransmite este domingo o Córdoba-Deportivo desde o estadio Arcángel
Pola noite, o ‘En xogo’ convida o expresidente Augusto César Lendoiro

Santiago, 14.11.2025.- Este domingo os afeccionados do Deportivo da Coruña teñen dúas citas na primeira canle da Televisión de Galicia. A partir das seis da tarde, Patricia Rodríguez Juste e Tito Ramallo comentarán o partido de Liga da Segunda División profesional entre o Córdoba e o equipo que prepara Antonio Hidalgo. Os dous equipos veñen de obter resultados positivos na pasada xornada, cunha goleada branca e azul á Cultural Leonesa por 3-0 e un empate sobre o asubío final dos cordobeses na Rosaleda fronte ao Málaga.
O Deportivo defenderá neste desprazamento a súa condición de segundo clasificado, en postos de ascenso directo á Primeira División. A semana comezou moi ben no vestiario herculino, tras recibir Yeremay o premio da Asociación de Futbolistas Españois como o mellor da temporada pasada na categoría. A sona do canario é tal que desde Portugal volven insistir en que o Sporting de Lisboa está disposto a pagar a cláusula no mercado invernal para incorporalo por fin ao seu cadro de xogadores para competir polo título de campión da liga lusa.
Esta fin de semana, por mor dos compromisos das seleccións nas competicións internacionais, hai descanso na Primeira División, polo que o Córdoba-Deportivo será o encontro destacado dunha nova entrega do programa ‘En xogo’.
A partir das once menos cuarto, Sevi Martínez analizará o sucedido sobre o céspede co equipo de especialistas e recibirá no estudio o expresidente Augusto César Lendoiro. A súa visita prodúcese meses antes de que publique as memorias nas que detallará como foron os 26 anos ao mando da institución.
Lendoiro chegou á presidencia no verán de 1988 e marchou en xaneiro do 2014. Con el o club conquistou seis títulos: unha Liga, dúas Copas do Rei e tres Supercopas de España. En 2004 quedou ás portas da final da Champions League tras perder a semifinal fronte ao Porto.
Retransmisión na G2
O estadio de Pasarón acolle este sábado, ás catro e cuarto da tarde, o partido que elixe a segunda canle da Televisión de Galicia para ofrecer en directo. O Pontevedra recibe o Mérida, co que está igualado a dezaseis puntos nos postos próximos á fase de ascenso. Os dous levan catro xornadas sen coñecer a derrota. De feito, o gañador podería rematar entre os cinco mellores da clasificación xeral.
A Segunda RFEF en AGalega.gal
A plataforma AGalega.gal continúa ofrecendo en exclusiva os encontros dos equipos galegos na Segunda Federación. O sábado, ás cinco da tarde, os afeccionados poderán seguir o enfrontamento entre o Bergantiños e o Astorga no campo das Eiroas. Os de Carballo xa están cuartos na clasificación, mentres o rival só sumou oito puntos e afúndese na zona de descenso á Terceira División.
Xa o domingo, tamén ás cinco da tarde, A Ribela será o punto de directo onde xogarán a Sarriana e o filial do Real Burgos. O novo adestrador, Dani Giménez, debutou cun empate no campo do Marino e agora confía en celebrar ante a afección o primeiro triunfo ao fronte do cadro galego.